Entrada destacada

A docencia en Educación Primaria con alumnado TEA

Ola! Neste artigo pretendo aportar ao profesorado con alumnado TEA na aula, tanto se é de música coma de non, unha serie de suxestións que ...

miércoles, 3 de julio de 2019

A docencia en Educación Primaria con alumnado TEA

Ola!
Neste artigo pretendo aportar ao profesorado con alumnado TEA na aula, tanto se é de música coma de non, unha serie de suxestións que aportan ideas sobre como tratar a este tipo de alumnado dentro da clase.
Os docentes, en xeral, deben ter unha actitude de tolerancia e aceptación das distintas singularidades que podemos atopar entre o alumnado dunha aula calquera de Educación Primaria. É importante que se xeren cambios na súa actitude para avanzar e progresar cara á inclusión. Deste modo, o profesorado deberá incorporar na súa actuación docente actitudes e principios de equidade, evitando actitudes segregacionistas, deixando os estereotipos de lado e aceptando a diversidade da súa aula. A conducta do docente pode ser moito máis eficaz ante o alumnado TEA para propiciar a integración que calquera disposición curricular creada polas administracións.
Os docentes deberán evitar as prácticas autoritarias que non permitan a participación total do alumnado, pois son grandes obstáculos que dificultan o proceso de integración, e a súa actitude verase reflexada na actitude do propio alumnado.
Un punto importante do que debe preocuparse o profesorado é a localización do alumnado con TEA dentro da clase. Estes nenos e nenas, é suxerible que estean localizados en zonas da clase que lles permitan colaborar e participar no grupo aula e interactuar cos seus compañeiros. Unha boa opción é preto do taboleiro e do mestre.
Na relación mestre-alumno é bo que o docente, sempre que lle queira preguntar algo ao alumno TEA, o faga con preguntas directas relacionadas co tema que se está a dar en clase, e preguntas que nos permitan descubrir o estado de ánimo do alumno. Tamén se pode analizar a linguaxe non verbal, como o contacto visual ou o contacto físico, xa que o alumnado TEA presenta grandes dificultades no campo social. (Damm, 2011).
A mellor maneira para chamar a atención do alumnado TEA dentro da clase, é polo seu nome e con preguntas-ordes sinxelas, mantendo o contacto visual e a proximidade física. Deste modo o rapaz terá máis claro que un se está dirixindo a el, e quere que realice unha acción. Para que o docente e o alumno con TEA teñan unha mellor comunicación sen dificultades na comprensión dos contidos, débese evitar que o neno ou nena se ubique ao final da clase.
O docente pode realizar adaptacións curriculares se así consegue que o alumnado TEA sexa máis partícipe na aula. Outro aspecto que pode facer que o alumnado interactue entre si é o uso do reforzo positivo, xa que xera interés por parte do neno por participar na clase (Damm, 2011).
O proceso de aprendizaxe non se acaba unha vez que os rapaces deixan o centro escolar, senón que continúa máis alá dos seus muros. Por esta razón os pais tamén teñen que ser partícipes da educación dos seus fillos, e entre eles e o docente debe haber unha comunicación continua que lles permita brindarlle ao alumnado, tanto TEA como non, unha atención personalizada en función das necesidades de cada estudante.
Enlaces de interese:

Bibliografía utilizada: 
  • Damm, X. (2011).  Representaciones y actitudes del profesorado frente a la integración de Niños/as con Necesidades Educativas Especiales al aula común. Revista Latinoamericana de Educación Inclusiva, 5(1), 25-35. Recuperado o 25 de Xuño de 2019, de http://www.rinace.net/rlei/rlei_home.html


Mellora as habilidades comunicatias do teu alumnado TEA


Ola! 
Como ben sabedes, unha das características das persoas TEA é que presentan grandes dificultades nas súas habilidades comunicatias e sociais. Por esta razón, hoxe vos traio unha serie de actividades e metodoloxías que teñen a función de mellorar tales habilidades.
Existen moitas actividades para mellorar as habilidades comunicativas do alumnado TEA. Un exemplo moi claro é un xogo chamado Que instrumento son?, no que cada neno ten unha serie de tarxetas que representan os distintos instrumentos musicais. O profesor pon unha gravación dun instrumento que se atope entre esas tarxetas e o alumno deberá que elixir a tarxeta adecuada e representar como se toca o instrumento con mímica. Porén, quizás unha das ferramentas máis utilizadas e eficientes para mellorar as habilidades comunicativas é a canción. A voz é un instrumento innato, e a actividade vocal produce un sentimento de pertenza a un conxunto. Unha forma de traballar a voz é o método Kodàly, que aporta diferentes recursos didácticos acordes con todas as idades e con todos os niveis musicais dos estudantes.


Outro tipo de actividade que fomenta a expresión comunicativa consiste na improvisación con instrumentos musicais, destacando o método Orff, que estimula o progreso musical dos rapaces. Unha actividade moi interesante que fomenta a improvisación e a creatividade consiste en entregarlle a cada neno un instrumento (triángulo, claves,...), e con eles deben acompañar libremente unha canción que elixa o docente. Ao rematar a canción, o alumnado pode intercambiar os instrumentos.

Se che gustou o artigo, tamén te pode interesal os seguintes:





Beneficios das TIC en alumnado TEA


Ola! Hoxe me gustaría falar dunha das ferramentas  que cada día se utiliza máis nos colexios, as Tecnoloxías da Información e Comunicación, comunmente chamadas polas súas siglas TIC. A continuación expoño unha serie de autores que falan dos beneficios do uso das TIC con nenos TEA nas aulas de música en Educación Primaria.
Becerra, Sánchez e Terrazas (2016) propoñen como ferramenta de apoio para o alumnado autista, o uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), xa que os rapaces TEA comparten certa simpatía polas TIC, en gran parte porque estas lles facilitan un medio ou ambiente recoñecido, unha atención específica, e a oportunidade de repetir as veces que queiran os exercicios. Estas son as razóns polas que a adquisición dos coñecementos mediante o uso das TIC se reflicten moi motivadoras. Outros argumentos importantes polos que o alumnado autista se sinte atraído, son as súas características visuais, que benefician a “estimulación multisensorial, sobre todo a visual”.
Un dos recursos máis utilizados é o intercambio de ideas musicais entre o alumnado por medio dun blog creado por eles mesmos. A mestra de música do colexio CEIP Los Álamos (Murcia), xunto cos nenos e nenas de 3º de EP decidíu crear un edublog no cal o alumnado pode interactuar entre si, editalo, consultar información dispoñible nel, seguir unha serie de propostas... (Arnaiz e Azorín, 2013).
As Tecnoloxías da Información e da Comunicación fan posible o establecemento de novas situacións de interacción para o alumnado, tanto se presenta necesidades específicas de apoio educativo coma se non.
Gracias á incorporación das TIC nas escolas, a materia de música pódese ver moi beneficiada pola gran cantidade de recursos que nos aportan, como diferentes softwares musicais (Audacity, Musescore, Finale, Sibelius,...), bibliotecas virtuais musicais (Biblioteca Digital Musical, a colección de música da Biblioteca Nacional  de España,...) ou portais educativos (Red Educativa Musical, MOS,...), entre outros.

Bibliografía utilizada:

  • Becerra, M., Sánchez, S. e Terrazas, M. (2016). Las TIC como herramienta de apoyo para personas con Trastorno del Espectro Autista (TEA). Revista nacional e internacional de educación inclusiva, 9(2), 102-136. Recuperado o 19 de maio, de https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/5600282.pdf
  • Arnaiz, P. e Azorín, C. M. (2012). Una experiencia de innovación en educación primaria: medidas de atención a la diversidad y diseño universal del aprendizaje. Tendencias pedagógicas, 22, 14-15. doi: http://doi.org/ctsc 

Os beneficios do traballo cooperativo en alumnado TEA


Ola! Hoxe quero mostrarvos que é, e cales son os beneficios do traballo cooperativo nas aulas ordinarias para o alumnado TEA.
Os autores Basilotta e Herrada (2013), afirman que a aprendizaxe cooperativa está caracterizada pola axuda que se prestan os membros dun mesmo grupo á hora de traballar, de maneira que se fomenta a motivación polo beneficio mutuo, se comparten recursos e se intercambian datos. Para estes autores, a aprendizaxe cooperativa fomenta a inclusión do alumnado TEA, atendendo así á diversidade nas aulas ordinarias. 
García-Cuevas e Hernández (2016) tamén consideran este tipo de aprendizaxe moi beneficioso para os rapaces TEA, e aseguran que o traballo cooperativo permite que nas aulas coexistan prácticas inclusivas, ao mesmo tempo que propicia beneficios persoais. No seu artigo, as autoras falan dun estudo levado a cabo no colexio público CEIP Arias Montano (Badaxoz). O profesorado da escola asegura que gracias ao apoio por parte de expertos, familias e amigos, o alumnado con Trastorno do Espectro Autista tomou un papel máis activo á hora de ter que tomar decisións, desenvolvendo as súas facultades, habilidades,... todo gracias á interacción entre iguais que supón a aprendizaxe cooperativa, mellorando tamén así a súa capacidade comunicativa, que é a súa principal dificultade.
Se queredes que os vosos alumnos traballen de forma cooperativa na clase de música e non sabedes moi ben como comezar a facelo, a continuación vos mostro unha serie de actividades moi sinxelas que podedes tomar como referencia.
ACTIVIDADE 1: O alumnado está disperso pola aula de música bailando cada un ao seu ritmo ao son dunha canción previamente elixida polo mestre. Cando a música para, o profesor deberá dicir un número, e os rapaces deberán xuntarse en grupos formados por ese mesmo número e abrazarse. Este proceso se pode repitir o número de veces que o profesor vexa convinte.
ACTIVIDADE 2: O profesor lle asignará a cada neno ou grupo de nenos un instrumento distinto, como o pandeiro, o xilófono, as maracas,... e entre todos levarán a cabo unha interpretación dunha peza musical adecuada á súa idade e coñecementos.

Se che gustou e queres buscar máis información, podes consultar o seguinte enlace

A bibliografía que utilicei é a seguinte:


Tríptico para unha educación inclusiva en Educación Musical


Ola! 
No día de hoxe quero compartirvos unha ferramenta que desenvolvín ao longo do meu Traballo de Fin de Grao, e que ten a intencionalidade de traballar co alumnado con Trastorno do Espectro Autista (TEA) dentro da clase, de maneira que exista a inclusión na aula.
Nesta primeira entrada vos aporto un tríptico no que recollo unha serie de recursos didácticos que podedes aplicar nas vosas aulas de música sempre que queirades, xa que son moi útiles e didácticos para os rapaces. Ademais, tamén vos proporciono unha serie de actividades para traballar co voso alumnado. 

Se che gustou o tríptico e pensas que pode ser de utilidade, non dubides en compartilo con quen queiras!